Inicio > Áreas > Inclusion Social > Proxecto FAIN

Proxecto FAIN

    
 
O obxectivo principal do proxecto FAIN é ofrecer apoios a familias con nenos menores de 18 anos que reciben o Ingreso Mínimo Vital ou a Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) nas principais cidades galegas e en zonas rurais. O prazo para inscribirse no proxecto rematou en decembro de 2022.
 
O proxecto ofrecerá apoios ás familias en tres áreas: o paquete de apoio social, o paquete de apoio educativo e o paquete de inclusión activa. Para iso, no proxecto participarán en máis de 3.400 familias, que a través dun sorteo realizado polo Ministerio de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones serán divididas en dous grupos.

 

En que consiste?

As actividades poderán ser de tres tipos:      

- Paquete de apoio social: este apartado consta de cursos en saúde e coidados; axudas económicas para gastos sanitarios; cursos para mellorar a calidade de vida no fogar; axudas económicas para a vivenda; axudas económicas para reparacións no fogar; axudas económicas para o pago de subministracións (auga, electricidade, gas); cursos de informática; cursos sobre o coidado dos fillos e actividades de participación comunitaria.

- Paquete de apoio educativo: apoio individual cos estudos, axudas económicas para material escolar e axudas económicas para actividades educativas extraescolares.

- Paquete de inclusión activa: cursos en distintos temas para axudarte a conseguir un emprego, sesións de orientación laboral, axudas económicas para a conciliación laboral.

Os servizos e axudas que recibirá cada familia no seu itinerario personalizado dependerán das necesidades que se identifiquen no diagnóstico inicial que realizará cada familia xunto co equipo profesional.

Onde se leva a cabo?

O proxecto desenvolverase nos concellos de Ourense, Lugo, Pontevedra, Ferrol, Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña e nas seguintes áreas rurais:

1.     Concellos de Bóveda, Monforte de Lemos, Pantón, Pobra de Brollón, Saviñao e Sober.

2.    Concellos de Baltar, Calvos de Randín, Os Blancos, A Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandias, Sarreaus, Trasmirás, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xinzo de Limia.

3.     Concellos de Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oimbra, Riós, Verín e Vilardevós.

Canto dura?

O proxecto durará desde decembro de 2022 a outubro de 2023. Se a súa familia forma parte do grupo con actividades, recibirá apoios do proxecto durante un máximo de 10 meses; se participa no grupo sen actividades, deberá realizar dúas entrevistas de avaliación ao principio e ao final do proxecto.

Que beneficios teño ao participar neste proxecto?

As familias participantes no grupo con actividades poderán recibir os apoios do proxecto FAIN.

As familias participantes no grupo sen actividades recibirán unha compensación económica de 25,50€ (previsiblimente en forma de cheque ou similar) cando realicen a primeira entrevista de avaliación, e 25,50€ cando realicen a segunda aos 10 meses (51 € en total). 

Como podo participar?

Unha vez firme o documento de consentimento informado, a súa familia será introducida no sorteo de selección de familias participantes que se celebrará en decembro de 2022, no que se formarán os dous grupos (familias con e sen apoios do proxecto FAIN).

A participación no proxecto é voluntaria. Quen decida participar deberá realizar as actividades indicadas (grupo con actividades) e as dúas enquisas previstas (tanto os do grupo con actividades como os do grupo sen actividades).

Os participantes terán dereito a saír do proxecto cando desexen, no caso de facelo deberán comunicarllo ao profesional de referencia ou enviar un correo electrónico a proxectopilotofain@xunta.gal (para máis información e resolución de dúbidas sobre o proxecto tamén pode contactar coa Consellería de Política Social e Xuventude a través de dito email).

Quen o leva a cabo?

Para facer posible este proxecto, o Ministerio de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones e a Xunta de Galicia (a través da Consellería de Política Social e Xuventude) firmaron un convenio, financiado cos fondos europeos para a recuperación despois da pandemia da COVID-19 (Next Generation EU).

Protección de datos

Os datos persoais recadados no marco do proxecto FAIN, serán tratados pola Consellería de Política Social e Xuventude na súa condición de responsable do tratamento coa finalidade de levar a cabo a xestión e desenvolvemento dos obxectivos do proxecto así como a avaliación da súa implantación e seguimento das actuacións levadas acabo co fin último de contribuír a promoción da igualdade, a inclusión social e a loita contra a pobreza nas súas distintas formas.

A base lexitimadora do tratamento dos datos persoais é o cumprimento dunha misión realizada en  interese público en base ao disposto no artigo 6.1 e) e na excepción prevista para o tratamento de datos de categoría especial no artigo 9.2 h) do RXPD, todo iso fundamentado no disposto na Lei 19/2021 de 20 de decembro, pola que se establece o Ingreso Mínimo Vital, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no propio Decreto polo que se establece a  estrutura orgánica da Consellería.

Os datos poderán ser comunicados ás Administracións Públicas de ámbito autonómico e estatal cando sexa estritamente necesario para o cumprimento das súas respectivas competencias, en particular á Secretaría Xeral de Obxectivos e Políticas de Inclusión e Previsión Social (SXOPIPS) e ás entidades do terceiro sector de acción social colaboradoras na xestión deste proxecto. Así mesmo, poderanse realizar as verificacións necesarias para comprobar a exactitude dos datos.

As persoas interesadas poderán solicitar, ante o responsable, o acceso, rectificación, limitación e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento,  a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en https: //www.xunta.gal/exercicio-dos-dereitos. Contacto co/a delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.